15 may 2015

O CLUB DE LECTURA FENDETESTAS VIAXA A SANTIAGO

 


O pasado 30 de abril os membros do Club de Lectura Fendetestas visitamos o Mupega e a libraría Couceiro, na cidade de Santiago. Velaquí algunhas das nosas impresións tras a viaxe.


O que máis me gustou da visita do xoves foi principalmente visitar o Mupega: espertábame moita curiosidade ver en que tipo de aulas estudaba xente como os meus avós, saber como traballaban na escola, que lles ensinaban etc. Desta parte da viaxe gustoume moito o vídeo de introdución que nos puxeron, pero sobre todo ver os xoguetes que tiñan os nenos desas épocas, e o moito que influía ser rico ou pobre para ter un determinado xoguete. Impresionoume tamén que houbese clase os sábados, e que se ensinasen aos nenos e as nenas cousas diferentes.


A visita á libraría Couceiro pareceume moi interesante non só pola variedade de libros que hai, senón tamén porque nos mostraron como se restauraban os que xa tiñan moitos anos e estaban en moi mal estado, como se lles poñía un tipo de letra para que non se borrase co paso do tempo, as fundas feitas para algúns exemplares co fin de evitar o seu deterioro… Chamoume a atención a información que nos deron sobre o prezo dos libros antigos: non depende do seu tamaño senón do número de exemplares ou da súa antigüidade, malia que hai algúns que a nós non nos interesen, en calquera momento pode aparecer alguén disposto a pagar o que sexa por el.



 

Eu recoméndovos visitar estes dous lugares, xa que ambos son unha boa fonte de cultura, de entretemento e unha forma de saber algo máis sobre as xeracións pasadas e os seus costumes. 
 
                                                                                Marta Santos Teijeiro

Percorremos a Libraría Couceiro en dúas quendas. Estaba chea de libros! Antes de marchar seleccionamos obras que nos interesaba comprar para o club de lectura.

Sergio Martínez Espiñeira

A saída foi moi interesante porque aprendemos cousas novas sobre a educación, os nosos antepasados e o mundo dos libros.

                      Daniel Peteiro Fernández

Chamoume moito a atención que nas aulas da época franquista houbese unha máquina de coser e asentos incómodos. Sorprendeume o que nos contaron sobre as escolas de “ferrado”, nas que adoitaba haber unha cociña de leña.

                              Amanda López Varela


Unha das cousas que me resultou máis curiosa da visita ao Mupega foi o sistema de escritura na primeira metade do século XX: usaban plumas que mollaban nun tinteiro incorporado aos pupitres.

                                                                          Bruno Freire Sánchez





No hay comentarios:

Publicar un comentario