Os Fendetestas de 2º ESO comezamos o curso cunhas lecturas
terroríficas: a primeira foi “A porta do
alén” relato incluído no libro As fronteiras do medo de Agustín
Fernández Paz. Nas sesións que tivemos para comentar o conto e intercambiar
impresións falamos da noite do Samaín
e relacionámola co Halloween e coa crenza de que nesa noite máxica os mortos
compartían espazo cos vivos (por iso en moitas casas se pon
a mesa para os defuntos da familia). Isto chamounos moito a atención, pero o que máis nos sorprendeu a
todos foi o final do conto que nos pareceu moi logrado e totalmente desacougante.
Tamén sinalamos que o autor consegue crear unha intriga (adictiva) que vai medrando ao ir
avanzando na lectura ata chegar a ese final inesperado. Outra cuestión que nos interesou foi
o tema da inmortalidade; lembrounos unha serie que se emitiu este verán na
televisión que se chamaba Forever. Está claro que o Máis Alá e a relación entre a vida e a morte son
temas que a todos nos interesan aínda
que nos dan un chisco de respecto.
Non vos contamos máis; é unha
lectura que recomendamos a todos os que lles guste o misterio e as historias
sobrenaturais. E falando de ler e de gustar, ímosvos contar por que nos gusta
ler a nós:
Sabela: Ler reláxame moito, fomenta a miña
imaxinación e tamén me axuda a conciliar o sono.
Mario: Leo porque me gusta moito o misterio e
me estimula para aprender cousas novas.
Juan José: A lectura ábreme a
porta a un mundo onde imaxino cousas surrealistas.
Iago: Gústame ler porque despois
teño soños moi fermosos.
Ángela: Leo porque así non penso.
Laura: Atráeme a lectura porque
me leva a mundos diferentes.
Christian e Diego: Lemos para non
aburrirnos.
Raúl: Leo porque me distrae
doutras cousas que non me gustan, por exemplo, os exames.
Leonardo: A lectura relaxáme moito e iso agrádame.
Begoña: Gústame ler porque a
través dos libros podo coñecer historias doutras persoas, culturas…
E, vós... por que ledes?