Os fendetestas de 2º ESO
estivemos lendo El último muerto de
Fernando Lalana. Este escritor é xa un vello coñecido para moitos de nós porque
o ano pasado puidemos gozar da lectura doutra obra súa: La tuneladora.
Os dous libros cóntannos
historias de misterio nas que aparece un personaxe moi curioso: o detective
privado Fermín Escartín. Neste caso enfróntase a unha dobre
investigación relacionada cunhas estrañas desaparicións. Nas reunións que
mantivemos para comentar o libro e intercambiar opinións todos estivemos de acordo en que a lectura nos resultou
moi interesante e entretida. Ademais de falar da trama e dos personaxes
tamén xurdiu a comparación con La
tuneladora. A moitos de nós pareceunos que El último muerto tiña un ritmo máis pausado, como se a acción
avanzase máis lentamente. Seguramente isto estea relacionado co feito de que
aparecen moitos personaxes e que cada
vez a historia se vai complicando máis.
A imaxinación dos lectores voou libremente á
hora de poñerlle cara ao personaxe de
Fermín Escartín: para algúns é un personaxe que pode lembrar ao cinematográficoTorrente. Tamén a ambientación
relativa ao restaurante que frecuenta o protagonista (La comadreja parda) mereceu a nosa atención: imaxinámolo sucio, desleixado
e un chisco noxento.
Hai moitos aspectos do libro que
nos chamaron a atención porque nos
pareceron curiosos, sorprendentes e incluso desacougantes. A organización creada nun pobo para loitar
contra a violencia de xénero (Mary Wollstonecraft), as tatuaxes que unha tal Circe lles facía aos agresores das mulleres ou a estraña personaxe de Elisa Lobo (nai de familia e asasina a soldo) son algúns dos que
foron máis comentados.
As escenas de “acción” tamén
tiveron moito éxito, por exemplo cando tiran a Fermín polo barranco. Todos
estivemos de acordo en que o final foi moi impactante e que ninguén o agardaba.
El último muerto é un libro que dende o principio ata o final non
deixa de sorprender. Recomendamos a súa lectura a todos os afeccionados ao misterio
e a intriga. Para os que lestes La
tuneladora aquí tedes unha fantástica oportunidade para volvervos
a atopar con Fermín Escartín enfrontándose a un novo enigma.
E, para rematar, se ademais de ler a obra que vos recomendamos queredes ter máis información sobre o autor podedes acceder pinchando aquí.