Os rapaces e as rapazas de 3º ESO
comezamos o curso lendo Instrucións para
tomar café de Manuel Núñez Singala.
Na reunión que dedicamos a falar do libro comentamos que o título nos parecera
moi curioso e incluso un chisco
enganoso. Son contos moi breves (case microrrelatos) de temas moi
diversos que ofrecen unha radiografía do ser humano con pequenas reflexións ao
xeito de pinceladas que debuxan a nosa
sociedade. Divídese en catro seccións: “Libro
de reclamacións”, “Libro de estilo”, “Libro de instrucións” e “Libro de contos”.
No terceiro apartado o autor inclúe o seguinte aviso: As presentes instrucións diríxense
a todos aqueles visitantes non
galegos que se achegan por primeira vez ao noso país. Tamén aos galegos con
sentido do humor. Estes textos achégannos un retrato da nosa cultura e da maneira de ser que nos identifica e
singulariza como galegos.
Un dos relatos dos que falamos na posta en común foi o titulado “Cocido
familiar” no que se vai narrando dunha maneira moi peculiar a xuntanza no
Entroido dunha familia. A nai é a encargada de facer a comida para os fillos e
as súas respectivas parellas. O curioso da situación é que como todos teñen
moitas suxestións ou restricións sobre a maneira de facer o cocido, a cociñeira
decide presentar unha fonte baleira. Para nós, a actitude da muller representa unha
rebelión ante a incomprensión e a escasa valoración do seu traballo.

Rematamos esta crónica escollendo novas
lecturas: unha escolma de Relatos
escalofriantes de Roald Dahl e de Contos
de Edgard Allan Poe.