22 feb 2013

O MISTERIO DAS BADALADAS

Os Fendetestas de 1º da ESO estivemos lendo O misterio das badaladas. Os comentarios sobre a obra foron bastante dispares, houbo algúns membros do grupo que expresaron o moito que os intrigara e que non podían deixar de ler; outros (menos afeccionados aos libros de misterio)  non foron da mesma opinión. Mentres  buscamos unha nova proposta de lectura para esta avaliación, deixámosvos unha pequena recensión elaborada por Rodrigo , un dos incondicionais da narrativa de intriga.

Este libro conta a historia de cinco nenos que unha noite escoitan tocar o novo reloxo da vila trece badaladas en vez de doce. A partir de aí os rapaces investigan o misterio ata descubrir a razón pola que se produce ese feito. Alguén lles vai dando unha serie de enigmas que eles teñen que descifrar.
Este libro de Xabier Docampo gustoume moito porque ten moita intriga e é moi fácil de ler. Ademais o misterio non remata xa que ao final o reloxo dá once badaladas en vez de doce. Eu recomendaría este libro a todos os rapaces e rapazas que queiran pasar un anaco entretido e resolver un misterio.
O autor deste libro, como xa dixen, é Xabier P. Docampo que é mestre, escritor, contacontos, actor de teatro, guionista e experto en bibliotecas escolares. Das súas obras destacamos Cando petan na porta pola noite coa que obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1995.

                                                                                                     Rodrigo  Matos Barral 1º ESO B


No hay comentarios:

Publicar un comentario