
A novela resultounos de lectura fácil: pensamos que mesmo lle sobran páxinas, pois algunha parte do relato podería desaparecer e non pasaría nada relevante para o desenvolvemento da acción (por exemplo, o relacionado co traballo da nai do protagonista). Os aspectos que máis destacariamos nesta historia son os seguintes:
- A presenza de personaxes novos, que conectan con nós.
- A orixinalidade de presentar unha relación de amizade entre un mozo e unha muller que podería ser a súa avoa.
- A temática do rapto de rapaces ao nacer durante a época franquista, cunha total indefensión das pobres nais, moitas veces solteiras ou viúvas (coma Chiruca) e con pouca formación para protestar ou investigar.
- A participación no relato dunha xuíza que dicta sentenzas exemplares. Este elemento temático serviunos para falar da xustiza na sociedade actual e levounos a coñecer ao xuíz Calatayud, coñecido polo enfoque "práctico", "humano" e "socializador" das súas sentenzas. Aquí vos deixamos un vídeo no que se presenta o seu traballo e o seu perfil humano.
Agora só nos queda agardar o encontro co autor da novela, ao que esperamos recibir no noso IES antes do remate deste curso.