11 feb 2019

A MEMORIA DA CHOIVA


       Os fendetestas de 1º de Bacharelato lemos ao longo do primeiro trimestre A memoria da choiva. Na reunión que mantivemos para falar do libro deixamos constancia da súa orixinalidade: unha novela policial cun asasino  en serie que remata coa vida das súas vítimas tomando como “inspiración” versos de Rosalía de Castro. 

      Comentamos a técnica empregada por Pedro Feijoo para conseguir que unha novela longa coma esta resultase  tan entretida: pensamos que a clave está no ritmo e na complexidade dos personaxes principais. Estes non son planos, sofren unha evolución ao longo da obra que resulta moi crible e axeitada. O xornalista Aquiles Vega e a profesora Sofía Deneb forman unha parella peculiar e un tanto atípica que engaiola aos lectores.  Tamén reflexionamos sobre a voz misteriosa da primeira páxina que nos empurra a un afán por saber máis datos que aclaren o enigma. A ambientación actual e as referencias a espazos coñecidos conseguen que vexamos a historia moi real, actual e próxima. O interese por coñecer datos sobre a familia da célebre poetisa de Padrón outórgalle, sen dúbida, un valor engadido. Rematamos a posta en común falando de que se está a rodar unha versión cinematográfica.


       Recollemos textualmente algunhas opinións:
Este libro que lemos para o clube de lectura pareceunos moi interesante. Pode que a portada ou a súa lonxitude non incite moito á lectura e que os posibles lectores e lectoras pensen que o que hai detrás non merece a pena. Deixádenos  dicirvos que non. Sería moi inxusto xulgalo desa maneira. É un libro que sae fóra do común. É unha novela policíaca, pero non  é unha  trama clásica  na que é posible recoñecer ao asasino dende o primeiro momento. A intriga mantense ata o final. Os distintos asasinatos que se cometen están directamente relacionados con Rosalía de Castro e o feito tan curioso de que esta, a pesar de ter cinco fillos, non deixase descendencia (nin tan sequera un tataraneto!).



       Sen dúbida, un libro moi recomendable para todos os afeccionados ás novelas detectivescas e para os que busquen algo máis…
 Lucía Vigo e Ánxela Prado

No hay comentarios:

Publicar un comentario