O 23 de abril celebramos o Día do Libro e os
integrantes do Club de lectura aproveitamos esta xornada para facer unha
excursión á cidade da Coruña e visitar a
sede da Real Academia Galega e a Casa de Emilia Pardo Bazán.
Xulia Santiso, a directora do museo,
recibiunos no salón de plenos da RAG onde nos explicou cando se fundara
a institución, cales eran as súas funcións, como se elixían os académicos...
Tamén nos falou dalgúns membros da Real Academia moi coñecidos para nós como
Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey ou Manuel Rivas. Lembrounos algúns dos
seus presidentes como Manuel Murguía,
Xesús Alonso Montero ou o actual,
Víctor Freixanes. Fixo fincapé na
importancia da institución como máxima autoridade en cuestións relativas á nosa
lingua. Respondeu ás nosas cuestións e contounos moitas curiosidades.
Na segunda parte da visita accedemos
ás dependencias de dona Emilia Pardo Bazán, escritora de obras como La tribuna ou Los pazos de Ulloa. Da man
de Xulia Santiso coñecemos moitos datos biográficos da autora e da época na que
viviu. Aprendemos que foi unha auténtica adiantada ao seu tempo e fomos
conscientes das limitacións que a
sociedade da súa época lles impoñía ás mulleres. Para decatármonos dese feito a directora do museo suxeriu que todos os rapaces puxeran un incómodo “corsé”
no resto da visita, para que puideran, dese xeito, poñerse na pel das mulleres.
Puidemos contemplar o escritorio de dona
Emilia e ver antigüidades da época.
Rematamos o percorrido lendo entre todos
un relato titulado “Las medias rojas” que nos conmoveu pola triste
historia que nos contou e que nos serviu para reflexionar sobre a situación de
desigualdade e de inxustiza padecida por moitas mulleres. Para rematar, pareceunos moi curioso saber que a denominación do centro comercial
Marineda City vén do nome literario que a autora lle dá á cidade da Coruña.
Volvemos a Curtis despois dun pequeno paseo
polas rúas da Cidade Vella, no que tivemos como compañeira unha intensa chuvia
que non conseguiu abafar un día de intensas aprendizaxes.
EXCURSIÓN CLUB DE LECTURA on PhotoPeach
No hay comentarios:
Publicar un comentario