Dúas
alumnas de 2º de Bacharelato (Rosalía Rico e Marta Martínez) ofrécennos,
respectivamente, unhas interesantes análises críticas de dúas obras de autores
ben coñecidos no noso Club. Son O único que queda é o amor de Agustín
Fernández Paz e Tes ata as dez de Francisco Castro.
Agustín Fernández Paz, un dos escritores máis coñecidos e
valorados no ámbito da literatura xuvenil e infantil en Galicia e no resto de
España, publica en outubro de 2007 O único que queda é o amor, unha
sucesión de relatos independentes que á súa vez, forman unha unidade que lle dá
sentido ó título do mesmo.
“E
cando me decato de como imos pasar por este mundo sen deixar rastro despois de
levar unhas vidas estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único que queda
é o amor”. É así con esta cita de Orhan Pamuk como se inicia a obra de
Fernández Paz; unha obra que fala do amor en todas as súas variantes e non só
no de parella no que se adoita pensar cando se fala do mesmo. Trátase dun
conxunto de relatos introducidos por cadansúa cita doutros libros que Fernández
Paz apreciou especialmente (ao igual que outros fragmentos mesturados nos
mesmos), tal e como aclara el mesmo no epílogo. Dez magníficos relatos que
levan o amor, o desamor, a paixón, a ausencia e a consecuente dor que provoca
esta nos personaxes, máis alá das páxinas, deixando pegada en quen as le. Alén
do amor, tan máxico como real, emprega personaxes e inventa situacións nas que
ambos os dous elementos (fantasía e realidade) están presentes. A pantasma dun
can e o seu dono (en “Esta estraña lucidez”), a insistente presenza do marido
morto (ou non) dunha muller (en “Unha historia de fantasmas”) así como as notas
de amor anónimas nunha libraría (en “Un radiante silencio”), as casualidades
(ou destino) (presentes en “Unha foto na rúa”)... son elementos que se mesturan
con total normalidade sen perder nunca o verdadeiro fío que dá unidade: o amor.
Malia
contar cun esquema que noutra obra tería sido (para min) o maior defecto, teño que dicir que desta vez, resultou ser
todo o contrario. As historias curtas de final aberto, a mestura de fantasía e
realidade, etc. son elementos que adoitan non agradarme demasiado. Porén, neste
caso, foi realmente o que me animaba a seguir lendo. De feito, gustaríame
destacar especialmente o relato “Esta estraña lucidez”; a historia narrada pola
pantasma dun can sobre os seus sentimentos dependentes dos do seu dono, que
namorara dunha rapaza. Se cadra as persoas que non teñen can non poden
comprendelo; mais, a tenrura, o xeito de contar, a miña debilidade polos
animais e, en xeral, o que transmite, fixo que ata chegase a collerlle un certo
cariño especial, o que non me pasou co resto de personaxes do conxunto.
Por outra parte chamoume a atención que, no epílogo,
Fernández Paz explica que a intención de mesturar fragmentos doutras obras é
provocar nos lectores o desexo de achegárense aos títulos dos que se extraen os
devanditos. Deste xeito, penso que a colocación dos relatos está previamente
razoada (cando menos a do último: “Un río de palabras”). Trátase da historia
dun mozo que pega anacos de libros que lle gustan co seu título correspondente
polas rúas da súa vila coa mesma intención que Fernández Paz ten con esta obra.
Recomendo
esta obra a calquera tipo de público tanto pola súa sinxeleza como pola fermosa
sensación que queda despois da súa lectura; se cadra a esta tamén se lle pode
chamar amor...
Rosalía Rico
Francisco Castro publica en 2014, na editorial Galaxia, Tes
ata as dez, unha obra cargada de suspense e intriga na que xoga cun
tema tan inquietante como é a morte e todos aqueles interrogantes que a rodean.
A trama xira entorno a Toni, un mozo vigués que parece
levar unha vida tranquila co seu traballo nunha editorial coruñesa. Porén, unha desconcertante e inesperada
noticia farán que esta se veña abaixo, a morte do seu pai, con quen mantiña
unha estreita relación na que a súa nai non tiña cabida. Pouco despois deste
tráxico suceso, recibe unha estraña mensaxe: "Tes ata as dez", un correo que, para a súa
sorpresa, enviaba o seu defunto pai. Estas catro palabras volverán tolo a Toni,
quen se vería obrigado a atoparlle sentido a un crebacabezas no que as pezas
parecían non encaixar. A través de cartas, correos electrónicos e demais pistas
desacougantes, o finado, ou aquel que estivese facéndose pasar por el, irán
guiando ao seu capricho ó protagonista. Unhas pistas que o levarán a facer
diversas viaxes a Vigo e que lle permitirán descubrir un asunto dun pasado
descoñecido que quedara sen resolver. O que Toni non sabía e que aquilo que
andaba a procurar cambiaríao todo para sempre, comezando pola súa relación con
Celia, a súa compañeira de traballo coa que compartía unha historia de amor.
Cómpre destacar o xeito no que o autor narra a
historia, empregando un estilo sinxelo e ameno. Moi acertado tamén ese
interminable xogo de pistas que manteñen o suspense e que, en certo modo, fan
aditiva a lectura, consegue atraparte. Salienta, ademais, a variedade de temas
que trata, entre eles o amor nas súas diversas variantes. Pero, especialmente,
esa mestura do presente cun pasado marcado pola censura e a loita contra esta,
sen deixar de lado a ambientación que, no meu caso, ó ser coñecida, fai que
teña un enfoque distinto. A trama é
orixinal e atractiva aínda que, dende o meu punto de vista, perde un pouco de forza cara ó final. Un desenlace máis débil do que
esperaba e do que, sen dúbida, podería ter sacado máis partido. De calquera
maneira, é unha lectura moi recomendable.
Marta
Martínez