15 jun 2020

O LAPIS DO CARPINTEIRO


O libro O lapis do carpinteiro foi escrito por Manuel Rivas, un dos escritores galegos con máis proxección internacional. Os seus libros contan con numerosas traducións, premios e versións cinematográficas. Ademais de escribir novelas tamén é poeta, ensaísta e dramaturgo. Dentro da súa obra destacan libros coma: Que me queres, amor? (1995), polo que gañou o Premio Nacional de Narrativa no ano 1996, ou A desaparición da neve (2009). Ademais forma parte dende o 2009 da Real Academia Galega.


A historia comeza no presente, coa presentación dos personaxes principais e un lapis de carpinteiro que revive vellas lembranzas aos protagonistas. Estes, coa axuda dun narrador omnisciente, vannos narrando a historia dende distintos  puntos de vista.
O día que Herbal ve a necrolóxica do doutor Da Barca sabe que a morte lle anda roldando e lembra  como durante a Guerra Civil española foi o carcereiro dun médico republicano ao que acompañou, coma se fose a súa sombra, por tódalas prisións onde estivo. A súa era una relación de admiración e odio, provocada polo amor que o protagonista sentía pola moza do doutor.



Gustaríame destacar o papel do lapis na obra, o cal dá nome ao libro, xa que ten un valor moi importante para o protagonista. Pasou de man en man durante anos, chegando finalmente ao protagonista, que matou ao seu dono (un pintor do Pórtico da Gloria). Dende ese momento Herbal lévao consigo, e fai o papel da súa conciencia, que vai recompilando as súas memorias, sentimentos, sucesos, etc. e lle axuda a ver as cousas dende outro punto de vista, actuando de mellor forma.

Este libro de Manuel Rivas ten una temática moi común a outros que levo lidos. Isto podería facer que resultase repetitivo ou similar a outros, pero neste caso a Guerra está de fondo, mentres a historia de amor que se desenvolve na historia reloce por enriba desta. Ademais paréceme moi interesante a figura de Herbal, unha personaxe redonda, que evoluciona ao longo da narración, converténdose nunha persoa máis solidaria e xenerosa co paso do tempo.

A pesar de ser un libro breve e aparentemente sinxelo, o comezo resulta algo difícil de entender, e ao lector cústalle  somerxerse ata pasar as primeiras páxinas da historia. A isto súmanse os numerosos saltos no tempo, que fan que sexa obrigado manter a atención no libro para non perder o fío da trama.

Por último, na obra transmítense numerosos valores e ensinanzas, como: o amor, a amizade, o compañeirismo e a loita polos dereitos das mulleres, todo isto nun ambiente de violencia, envexa, incomprensión, mentira, medo, … un mundo sen liberdade, cheo de inxustizas, e coa morte sempre presente.
María Couceiro  Sánchez  (1º Bach B)

No hay comentarios:

Publicar un comentario