Este curso que xa case remata inauguramos no
Club de Lectura Fendetestas unha nova sección en lingua portuguesa. A introdución desta materia na
oferta educativa do noso centro deunos o pulo necesario para asumir este novo
reto. O coñecemento de novas
linguas é un estímulo polas
posibilidades comunicativas que nos abre e, á vez, unha base de enriquecemento en tanto que nos permite
coñecer outras culturas.
Comezamos con lecturas adaptadas con aclaracións
de vocabulario, concretamente cunha escolma de
Contos Populares Portugueses e coa obra Contos com nível
de Ana Sousa Martíns. Reproducimos a continuación valoracións das lectoras:
A lectura de Contos com nível pareceume forma moi sinxela de
aprender portugués mediante anécdotas simpáticas e moralexas con retranca. Un
dos relatos que comentamos leva por
título “Ironia vence a preguiça”. Nel relátase a historia de Tomás; un rapaz
moi preguiceiro que xustificaba o pouco que traballaba utilizando unha
filosofía de vida moi curiosa pois a calidade de vida para el era moi
importante. Un bo día algo acontece con Tomás e a súa vida non volverá a ser a
mesma…
Eu non asisto a clases de portugués e, a pesar diso, resultou nunha lectura moi amena e
perfectamente accesible. Recoméndoa a todo o mundo que queira aprender outra
lingua ou que simplemente lle interese ampliar fronteiras.
Salma
Mariño
A creación do club de
lectura en portugués pareceume unha moi boa proposta, xa que é unha maneira
para promover e aprender de maneira entretida un idioma tan próximo ao noso. Esta
foi a primeira vez nas que tiven contacto con libros de lectura en portugués,
pero debo dicir que son completamente comprensibles e moi fáciles de ler.
Ademais de ser historias sinxelas son contos con certo humor que ofrecen unha
lectura moi entretida e intrigante.
Un dos libros que lemos foi Contos
Populares Portugueses, unha serie de
relatos sinxelos que narran historias populares. Para min un dos máis
significativos foi “Comida sem sal” xa que representa moi ben que non todo é o
que parece e que debemos pensar e reflexionar máis sobre o que dicimos e, sobre
todo, en como actuamos. Tamén me gustou
moito “História do Grão de Milho” xa que
me lembrou a miña infancia co famoso conto de “Pulgarcito”, porque ambas
historias son moi similares e ao protagonista ocórrelles practicamente o mesmo.
Outro relato destacable é ”Ironia Vence
Preguiça”, incluído en Contos com
nível onde se narra moi ben como o exceso de preguiza non é bo e aínda que non apeteza debemos
esforzarnos en ser algo produtivos ao longo do día.
O formato destes libros inclúe un cadro con
todos os significados de palabras máis difíciles con respecto á comprensión;
deste xeito a lectura faise moito máis
fácil e rápida, sobre todo ao comezar cun novo idioma, xa que pode costar algo
máis na comprensión de certas palabras.
Laura Vázquez
No hay comentarios:
Publicar un comentario