9 oct 2015

AQUÍ ESTAMOS OS FENDETESTAS... UN ANO MÁIS



      
 Neste mes de outubro bota a andar novamente o club de lectura do IES de Curtis, con máis fendetestas que nunca: máis de sesenta, organizados en oito grupos! Os equipos  lectores medran ano a ano e iso énchenos de gozo como profesores e como amantes da lectura, sentida por nós como a chave máxica, a alfombra voadora, o elixir poderoso que nos leva a onde desexemos ou nos aparta do que non nos prace,  que nos fai máis sensibles e máis fortes á vez, que nos fai rir ou chorar...


   Invitámosvos desde aquí a que sexades os nosos compañeiros de viaxe: a diversión é a ansia por aprender van sempre na nosa maleta. Se vos convence a proposta, sabede que os motores están xa a funcionar... e hoxe mesmo empeza o novo percorrido. 

2 jun 2015

LEMOS A XABIER DOCAMPO



 Aproveitando o encontro organizado polo Departamento de Lingua Galega e Literatura co escritor Xabier P.  Docampo, os Fendetestas de 1º de ESO estivemos lendo  Cando petan na porta pola noite.
 Coa temática do misterio iniciamos este curso as lecturas no noso club. Seguindo esta liña, que colleitou moitos seguidores,  estamos a punto de poñer punto final á andaina deste ano.


 Na posta en común do libro de Xabier Docampo comentamos o conto “O cumpremortes” e todos falamos do intrigante que nos pareceu e do moito que nos gustou.  Interesounos moito o epílogo  no que o autor fala daquelas cousas que o atemorizan e pensamos na posibilidade de falar dos nosos propios medos elaborando unha listaxe. Velaí o resultado:

 Nós  temos medo a…

 Á morte
Ás enfermidades
A durmir e non espertar
A perder a memoria
A quedar só
Ás abellas,  ás avespas, aos ratos…
A que desaparezan os animais
Aos tolos
Ao manicomio
A que me tomen por tolo
A deixar de ser un neno
A perder a imaxinación
A suspender un exame ou unha materia
Á deforestación
A que me enterren vivo
Aos xihadistas
Á eternidade
Á nada
 ..............

 E vós, a que lle tedes medo?


22 may 2015

TAMÉN VOS RECOMENDAMOS POESÍA...

   
 
  Nestas últimas semanas acabamos de ler o último poemario de Carlos Negro, titulado Penúltimas tendencias. As composicións preséntannos a voz dunha adolescente que está en contra das modas e dos estereotipos que lle impón á mocidade a sociedade a través dos medios de comunicación. Fálanos de xeito directo unha moza rebelde, cun carácter forte ante as relacións sentimentais e ante os costumes que se relacionan coas mulleres.

       O autor fainos chegar esta mensaxe de rebeldía cunha linguaxe sorprendente no mundo da poesía: os poemas están compostos nunha lingua salpicada de anglicismos e de termos relacionados coa actualidade e coa forma de expresarse dos mozos.

    Chamounos a atención a presenza da INTERTEXTUALIDADE: Carlos Negro xoga con nós en varias ocasións facendo que busquemos  na nosa memoria recordos de libros xa lidos. Así, en Princesas (contra) Disney, fainos volver a contos como Cenicienta ou Blancanieves...

         É tamén interesante comentar o uso que o autor fai dos TÍTULOS: ás veces suxírenos algo que logo non se corresponde, ou oponse, ó contido do poema. Isto é o que sucede en It girl. Outras veces esíxenos pensar sobre a realidade que nos rodea para poder descifrar a expresión que da título ás composicións: 3MSC, onde fai referencia á literatura de F. Mocchia e ó cine. Mesmo bota man de títulos referidos a hábitos xuvenís, como o das tatuaxes (Tatuaxe).

       A poesía de Penúltimas tendencias tamén é atrevida á hora de traballar co ritmo: o autor decide fuxir da rima tradicional e dálle musicalidade aos poemas  a través das repeticións de palabras e estructuras; para iso manexa a cotío a anáfora e o paralelismo.


           Porén, o autor non olvida o valor das metáforas para expresar o que é difícil de comunicar: así en Programa de centrifugado, para expresar o inconformismo, a rebeldía, a inseguridade da moza adolescente o autor crea un poema que é unha enumeración de metáforas, nas que usa a connotación.

- Penúltimas tendencias amosoume un estilo de poesía que descoñecía ata o momento. 

                                                                                                                Rubén González

- Sorprendeume a temática dos poemas: non pensaba que se podía facer poesía co que temos na cabeza os adolescentes. 
                                                                                                                   Lidia Pereira
- Gustoume a modernidade que aportan as palabras en inglés e outras moitas propias da nosa maneira de falar. 
                                                                                                                                                                            Sergio Martínez

- Eu destacaría o xogo que o autor nos propón: é como se nos dixera:
    - Se queres ler este poemario, tés que rebuscar na memoria e no teu coñecemento do mundo que nos rodea. Trato feito?
                                                                                                                 
                                                                    Daniela Luligo

Os dous poemas que máis nos gustaron foron Chica out e Radikal punk.

Club de lectura (4º ESO C)

15 may 2015

O CLUB DE LECTURA FENDETESTAS VIAXA A SANTIAGO

 


O pasado 30 de abril os membros do Club de Lectura Fendetestas visitamos o Mupega e a libraría Couceiro, na cidade de Santiago. Velaquí algunhas das nosas impresións tras a viaxe.


O que máis me gustou da visita do xoves foi principalmente visitar o Mupega: espertábame moita curiosidade ver en que tipo de aulas estudaba xente como os meus avós, saber como traballaban na escola, que lles ensinaban etc. Desta parte da viaxe gustoume moito o vídeo de introdución que nos puxeron, pero sobre todo ver os xoguetes que tiñan os nenos desas épocas, e o moito que influía ser rico ou pobre para ter un determinado xoguete. Impresionoume tamén que houbese clase os sábados, e que se ensinasen aos nenos e as nenas cousas diferentes.


A visita á libraría Couceiro pareceume moi interesante non só pola variedade de libros que hai, senón tamén porque nos mostraron como se restauraban os que xa tiñan moitos anos e estaban en moi mal estado, como se lles poñía un tipo de letra para que non se borrase co paso do tempo, as fundas feitas para algúns exemplares co fin de evitar o seu deterioro… Chamoume a atención a información que nos deron sobre o prezo dos libros antigos: non depende do seu tamaño senón do número de exemplares ou da súa antigüidade, malia que hai algúns que a nós non nos interesen, en calquera momento pode aparecer alguén disposto a pagar o que sexa por el.



 

Eu recoméndovos visitar estes dous lugares, xa que ambos son unha boa fonte de cultura, de entretemento e unha forma de saber algo máis sobre as xeracións pasadas e os seus costumes. 
 
                                                                                Marta Santos Teijeiro

Percorremos a Libraría Couceiro en dúas quendas. Estaba chea de libros! Antes de marchar seleccionamos obras que nos interesaba comprar para o club de lectura.

Sergio Martínez Espiñeira

A saída foi moi interesante porque aprendemos cousas novas sobre a educación, os nosos antepasados e o mundo dos libros.

                      Daniel Peteiro Fernández

Chamoume moito a atención que nas aulas da época franquista houbese unha máquina de coser e asentos incómodos. Sorprendeume o que nos contaron sobre as escolas de “ferrado”, nas que adoitaba haber unha cociña de leña.

                              Amanda López Varela


Unha das cousas que me resultou máis curiosa da visita ao Mupega foi o sistema de escritura na primeira metade do século XX: usaban plumas que mollaban nun tinteiro incorporado aos pupitres.

                                                                          Bruno Freire Sánchez





12 may 2015

EMIGRANTES, DE SHAU TAN: O PODER DA IMAXE


         
Os alumnos de primeiro de BAC vimos de "ler" Emigrantes, de Shau Tan, unha orixinal historia sobre a emigración na que o lector ten que crear o seu propio texto a partir de impactantes imaxes sen cor. Nelas atopamos a historia dunha persoa que se ve obrigado a deixar a súa familia e a súa terra para poder gañar cartos.


             Ao longo do relato podemos atopar a mestura de imaxes realistas e fantasiosas, case irracionais (nun momento dado a persoa coñece a un ser extraño con forma de animal que vai simbolizar a amizade, a compañía...). Esta combinación apórtalle á obra a necesidade dun lector activo, capaz de interpretar o que o autor, ás veces, suxire e non conta.


          Chamounos a atención a dura crítica que se fai (sen palabras sempre) ó sistema capitalista, que trata ós habitantes das cidades como obxectos ao seu servizo.

Para rematar, gustaríanos subliñar a relación desta obra con outra que lemos anteriormente, La nieta del señor Linh, de P. Claudel: nas dúas aparece o drama da emigración e a necesidade do que ten que marchar de apoiarse nas súas raíces e na amizade (a última imaxe de Emigrantes podería facilmente acoller no seu marco a figura do señor Linh).

                             Nazaret, Aida, Lara, Daniel e Jorge

5 may 2015

LA CENA: UNA NOVELA PARA PENSAR...


     Un grupo de los fendetestas de 1º Bac hemos acabado la lectura de La cena, de H. Koch. Sin duda, es un libro original e impactante. Su temática recoge una serie de transgresiones morales y éticas relacionadas con la sociedad actual:

- La violencia de los jóvenes hacia los más desfavorecidos (Michel y Rick maltratan a un mendigo y queman a otro).

-  La presencia de la violencia en los referentes familiares (Paul agrede verbalmente a un vendedor, a sus alumnos... y físicamente al director de su colegio y a su hermano; Claire es capaz de golpear salvajemente a su cuñado con una copa para desfigurarle el rostro): quien educa con violencia crea indivuduos agresivos.
 
- La hipocresía de los políticos: Serge Logman intenta contentar a los posibles electores y da una imagen más correcta y amable de lo normal; se critica también el mundo de las apariencias y lo determinante que es en política (cuando Serge es agredido por Claire y su cara queda desfigurada, ya no es centro de admiración de los electores, que dejan de votarle).

- La presencia de la mentira y del engaño: Paul se lleva el teléfono de su hijo, sin decírselo; Claire oculta a su marido los resultados de la amniocentesis...

     Todo esto nos llega en el relato a través de un narrador en 1ª persona, no fidedigno: nos oculta mucha información al principio, al tiempo que desordena todo lo que cuenta. H. Koch no sólo busca un lector crítico, sino tremendamente activo, capaz de indagar en los datos de la novela para recomponerla y para poder interpretarla.

    No es una narración fácil, pero si os gustan los temas de actualidad y el compromiso con los problemas de la sociedad, seguro que leeréis con gusto este libro.

                                                                                                      Rocío Espiñeira. 1º Bachillerato

23 abr 2015

UNHA BOA MANEIRA PARA REFLEXIONAR SOBRE A CONVIVENCIA DO GALEGO E DO CASTELÁN



Por fin, os fendetestas de 4º de ESO rematamos a lectura e o diálogo sobre a Comedia Bífida, de M.Núñez Singala. Esta obra serviunos para varias cousas:

- Entendemos o que era unha comedia: é unha peza teatral que non só serve para facer rir senón tamén para criticar aspectos da sociedade que están mal.
- Démonos conta da desigualdade entre dúas linguas irmáns como son o galego e o castelán.
- Aprendemos novos conceptos como bilingüísmo e diglosia, normalización e normativización, interferencias lingüísticas, variedades xeográficas da lingua...
- Comprobamos unha vez máis que o humor facilita a aprendizaxe e a comprensión do que se nos quere ensinar.

Velaquí algunhas das nosas opinións sobre esta obra na que se representa o xuízo final polo que debemos pasar ao morrer para dar conta dos nosos "pecados" no que respecta ó uso da lingua galega: 

-" O personaxe que máis me divertiu foi Luci ( o demo): pareceume moi orixinal a súa vestimenta e a maneira de xesticular, parecía unha muller". BRUNO
- " Resultáronme moi graciosas as siamesas Lina e Lana: utillizan expresións que fan rir como Ser un pouco diésel para referirse a alguén que entende con lentitude. Porén son dous dos personaxes máis despectivos fronte o galego e iso fai que non me identifique para nada con elas". LORENA
- "Gustoume especialmente a escena das duas nais cos seus fillos e recordoume unha obra de teatro que vimos hai uns meses na que se representaba isto mesmo. Chámame a atención que esa situación sexa tan cotiá na nosa sociedade, mágoa que haxa que poñela enriba dun escenario para que nos decatemos dela". SERGIO
- "Parecéronnos moi cómicas as intervencións de Deus: en ningún momento aparece a súa voz nin o seu aspecto. Cada vez que alguén di tacos ou actúa incorrectamente emite un trono que fai rir ó público". MARTA E RUBÉN

Para rematar queremos animarvos a ler o novo libro deste autor, titulado Instrucións para tomar café , no que a través de microrrelatos segue  a reflexionar sobre a situación lingüística do galego.

21 abr 2015

AS LÁGRIMAS DE SHIVA




As lágrimas de Shiva conta a historia dun rapaz que, a causa da enfermidade contaxiosa que sofre o seu pai, se ve obrigado a pasar o verán cuns familiares (tíos e primas) que case non coñece. Alí agárdao unha experiencia moi interesante e un enigmático misterio que vai tentar resolver coa axuda dunha das súas curmás.
A lectura desta novela de César Mallorquí foi un éxito total. Estivemos analizando e comentando as razóns polas que este libro nos gustou tanto. Para algúns a clave estivo en  combinar o misterio con outras temáticas do noso interese e coas que nos sentimos identificados: amor, amizade, relacións familiares... As investigacións no pasado da familia foi unha das partes que máis interesou á maioría. Tamén falamos do que non nos agradou tanto: a relación amorosa entre o protagonista e a súa prima pareceunos a algúns un chisco precipitada e algo irreal. Tampouco nos encantaba cando a investigación da historia familiar quedaba en segundo lugar, coma un pouco esquecida.
Para rematar, relacionamos o misterio familiar  de As lágrimas de Shiva coa historia de Romeo e Xulieta e falamos dun feito histórico ao que se fai referencia na novela: a chegada do home á Lúa.
 Fendetestas 1º ESO

23 feb 2015

A MENSAXE DA NETA DO SEÑOR LINH








       

        Os fendetestas de 1º de Bacharelato rematamos nestes días A neta do señor Linh, de Philippe Claudel, unha novela chea de humanidade onde se mesturan as grandezas e as miserias das persoas.



     Un ancián, procedente dun país asiático do cal se ve forzado a fuxir pola guerra, chega a un país occidental para refacer a súa vida. Supostamente trae consigo a súa neta: en realidade é a boneca da rapaza, que morreu xunto con seus pais na guerra. Neste país coñece a un home que acababa de perder a súa muller: a amizade con el, malia non entender a súa lingua, e o coidado da "neta" serán os motores da súa existencia. 
     É curioso que non aparezan referencias espacio-temporais: Claudel busca que a obra sexa intemporal e útil para calquera lector de todas as épocas e lugares. 
     Na nosa opinión esta pequena novela realista é moi recomendable xa que consideramos que recolle a importancia de compartir a nosa vida cos demais. Nin a lingua nin as costumes teñen porque ser un obstáculo para a convivencia pacífica. Fronte a isto o autor coloca aos que fan as guerras e destrúen a felicidade e as ilusións de todos os señores Linh.

     Nas vindeiras semanas coñeceremos a obra Emigrantes,  de Shaun Tan, relacionada tamén coas experiencias do que enfronta, obrigado polas circunstancias da vida, a vida nun lugar novo e lonxe dos seus. 

                                                                                                       Andrea Grobas e Antón Sánchez



4 feb 2015

QUERIDO HIJO: ESTÁS DESPEDIDO



 Imos falarvos dun libro de Jordi Sierra i Fabra  que está dirixido especialmente aos rapaces e rapazas da nosa idade. É unha historia un pouco incrible: un neno que, como non se porta moi ben na casa, é despedido polos seus pais.
 Na posta en común houbo moitos comentarios sobre os feitos que provocaron o despido, e todos dixemos que nos sentiamos moi identificados co protagonista. A lectura deunos pé para falar das relacións entre os pais e os fillos e  de que o castigo que lle puxeron ao neno foi un pouco inxusto e esaxerado. Algúns incluso comentaron que para ser despedido tes que estar previamente contratado, e se te botan dun traballo debes ter dereito a unha liquidación.  Bromas á parte, a verdade é que nos pareceu unha chamada de atención un pouco forte.  Os castigos son necesarios aínda que non sexan agradables, pero deben ser xustos.
O libro pareceunos moi entretido e divertido. Unha das partes que máis nos gustou  foi cando a nai lle entrega a carta de despido ao fillo. Tamén  cando  fala cun señor maior que lle axuda a solucionar o seu problema.
 Está ben claro que o autor tentou que os rapazas e rapazas que lesen o libro fixesen unha análise do seu comportamento  para que non lles  pase o mesmo. Por se acaso, nós recomendamos esta lectura aos nenos , pero se é posible que non a lean os pais (non vaia ser que collan demasiadas ideas).
Laura, Sara, Ángela, Yago,  Juan José,  Sabela,  Leonardo, Diego e Mario ( 1º ESO A- B)