30 may 2012

CARTAS DE INVERNO

Os Fendetestas de 2º ESO neste terceiro trimestre lemos Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz. Na  última das reunións que tivemos para falar deste libro comentamos que fora a lectura que máis nos gustou de todas. Todos estivemos de acordo en que as historias de intriga son as que máis enganchan e moitos incluso xa remataramos de ler o libro antes da data fixada (non todos, por suposto). Na posta en común  intercambiamos impresións sobre o que máis nos chamou a atención do libro: o cadro que cambiaba, as sopas de letras coas mensaxes, o imprevisible que é o final…

Como esta xa é última lectura deste curso (agora hai que concentrarse nos exames) aproveitamos para falar da experiencia de pertencer ao club de lectura. Moitos dixemos que nos serviu para fixarnos en moitos aspectos das lecturas que antes nos pasarían desapercibidos e que entendemos mellor moitas cousas. Tamén aprendemos a ver que a lectura non é só unha tarefa escolar e que pode ser divertida. Ao mesmo tempo démonos conta de que tipo de libros e de temas nos atraen máis e cales nos interesan menos.

Ata o curso que vén e… moitas e boas lecturas de verán !

Sabela, Andrea, Alberto, Javier, Nazaret, Sergio, Deborah,  Daniel e Patricia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario