15 may 2018

ENCONTRO LITERARIO CON HÉCTOR CAJARAVILLE

        
       O pasado martes 8 de maio visitounos o escritor Héctor Cajaraville. No encontro falamos de dous libros que o alumnado de 4º ESO  e  de 3º ESO do  Clube de Lectura Fendetestas leu este curso: O segredo da casa de Formoso e  A caixiña dos rancores.




Dúas alumnas, Iria Bergantiños e Sabela Núñez, presentaron o acto facendo unha pequena introdución. Nesta resumiron a biografía e bibliografía do escritor, así como os galardóns que obtivo, entre os que destaca o Premio Xerais no ano 2015 pola obra  De remate.


O autor comezou falando sobre as razóns que o impulsaron a escribir e como se foi  apartando da súa profesión orixiaria, o xornalismo. Aínda que manifestou que a súa verdadeira vocación era, sen dúbida, a de escritor, tamén deixou claro que o xornalismo contribuíu a enriquecelo como creador. Todos quedamos sorprendidos ao coñecer a rapidez coa que o autor dos libros que leramos os escribira, feito  relacionado coa inmediatez coa que se lle requiría a entrega dos artigos xornalísticos.
Máis tarde convidounos a formularlle preguntas que fosen do noso interese sobre os seus libros, personaxes, inspiracións, aspiracións...  As preguntas foron moi diversas e as súas respostas moi interesantes. Soubemos que os dous libros tiñan outros títulos diferentes orixinalmente e como mesturaba lugares reais e ficticios nas súas narracións. Ademais descubrimos que se inspirou na súa nai ao crear a personaxe de Chiruca, á que el considera a verdadeira protagonista de A caixiña dos rancores. Comentou a importancia de dous dos temas sobre os que xiran as novelas: a memoria histórica e os casos de bebés roubados. Tamén nos falou de cuestións máis persoais como  a súa principal afección, o atletismo. Contounos que para el era un soño de infancia ser un atleta de elite.



A xeito de  conclusión, deberiamos destacar a proximidade que o autor mantivo durante todo o encontro, conseguindo achegarnos á actividade da creación literaria. Ademais demostrounos que é un home moi expresivo e polifacético, que loitou  por cambiar unha profesión que lle resultaba  insatisfactoria pola súa verdadeira aspiración.  Rematamos dándolle as grazas polo seu tempo e pola súa amabilidade!

                                                                                           María Couceiro (3º ESO B)

No hay comentarios:

Publicar un comentario