4 may 2018

EXCURSIÓN DO CLUB DE LECTURA

      
      O pasado martes, 17 de abril, un  grupo de alumnos de 1º, 2º, 3º e 4º de ESO do club de lectura do IES de Curtis, visitamos   en Santiago de Compostela o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). 

EXCURSIÓN MUPEGA on PhotoPeach
   
     Durante a actividade puidemos  observar, coa axuda dos guías que nos foron comentando distintos aspectos, as diferenzas máis significativas nas  aulas sobre a distribución das mesas, os libros, os elementos relixiosos, as bandeiras…
     Iniciamos o percorrido coa explicación das aulas por orde cronolóxica; a primeira que puidemos contemplar foi a  escola de ferrado, na que un escolante reunía aos escasos rapaces da vila para impartirlles clase na súa casa. O alumno pagaba este servizo mediante un ferrado de cereal, medido nun caixón de madeira.
      A continuación visitamos a  aula da restauración borbónica (finais do século XIX e principios do  XX), que tiña moi presente a separación por sexos, o aspecto relixioso e unha relación vertical entre mestre e alumnado que se representaba mediante a  presenza da tarima. A figura do rei, Alfonso XII, tamén foi moi relevante nas aulas e escolas .
      A aula da república  (1931-1936), presentaba como característica básica a procura da  igualdade en todos os aspectos sociais; na educación, pódense concretar os seguintes: o mestre aparecía mantendo  unha relación máis horizontal co alumno (desaparición da tarima) e ademais o ensino  era mixto. No percorrido fixámonos tamén nos cambios das bandeiras,  por exemplo, na república presidía a aula a tricolor (vermella, amarela e violeta). Nesta época quixéronse emprender ambiciosos proxectos e programacións igualitarias, pero víronse limitados pola escasa e pésima economía.
      Chegamos á aula do franquismo (1939-1975). Supuxo o regreso  ao modelo de separación de sexos e á recuperación da superioridade do mestre sobre os escolares. A bandeira era, polo tanto, a do franquismo, coas cores actuais e a característica aguia , o xugo e as frechas.
     Deixamos o andar dedicado exclusivamente ás aulas e dirixímonos a unha interesante exposición sobre xoguetes  antigos  organizados por épocas  e materiais. Cada un deles estaba acompañado dun pequeno panel con información. Tamén puidemos ver unha caixa  de primeiros auxilios e diversos materiais médicos.
     A continuación accedemos ás aulas de indianos. Estas posuían mellores  instalacións e materiais educativos (láminas, proxectores… ) que supoñían unha verdadeira innovación para a época. Estaban sufragadas polos emigrantes galegos.


      Para finalizar, puidemos sentar nas cadeiras dunha reprodución dunha aula antiga e experimentar unha sensación semellante ao que sentirían os   os nosos pais ou avós cando escribían  nas “pizarras”. Rematamos a visita contemplando un fermoso cadro de Julia Minguillón titulado A escola de  Doloriñas.  Foi, sen dúbida, unha interesante experiencia na que aprendemos moito  dunha maneira moi entretida e dinámica.
     Lois  Couso, María  Couceiro e Nadia Fernández

No hay comentarios:

Publicar un comentario