Este libro de Maite Carranza conta a historia da
estraña desaparición dunha rapaza de
quince anos chamada Bárbara Molina. Unha chamada a un móbil catro anos despois provoca
un fío de esperanza na súa desesperada nai e pon en marcha un novo xiro na
investigación. Tamén resultan especialmente relevantes o personaxe do
pai e o dunha amiga que se sente traizoada.
O encargado do caso é un policía que
está a punto de xubilarse e que se implicará dun xeito moi persoal na
misteriosa desaparición. A trama do libro desenvólvese nunhas trepidantes vinte e catro horas nas que se conseguen desentrañar
as escuras claves que agocha o misterio. Aínda que non imos desvelar o final,
non podemos evitar mencionar que resulta tremendamente sorprendente.
Nas sesións mantidas para falar deste libro os
Fendetestas de 2º ESO comentamos o desacougante que nos pareceu o libro.
Relacionamos a temática con casos da actualidade como a desaparición de Diana
Quer ou doutras rapazas e falamos das terribles situacións que algunhas persoas
teñen que soportar: abusos, violacións, maltrato... Comentamos a importancia de
denunciar estes delitos e a necesidade de que a sociedade se conciencie da importancia
dos mesmos. Tamén falamos da relación
entre os pais de Bárbara que nos pareceu moi complicada e con actitudes moi machistas. A
conexión entre os comportamentos machistas e as agresións que comentamos antes é
evidente.
Respecto á narración en concreto todos estivemos de acordo en que o libro tiña un ritmo trepidante que conseguía
“enganchar” moi facilmente. O que máis nos gustou foi que finalmente
conseguisen atopar a Bárbara con vida e o que menos a triste e tremenda historia que explicaba a desaparición
da rapaza. Respecto á técnica de narración o uso dos saltos no tempo e a
capacidade que ten a autora para manter o fío narrativo chamaron a nosa atención. Tamén sinalamos o
curioso que nos pareceu que a historia se desenvolva en tan só en vinte e catro horas e como este feito lle dá un ritmo especial á narración.
Fendetestas de 2º ESO
No hay comentarios:
Publicar un comentario