2 jun 2018

XI XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA


      Un ano máis o Club de Lectura Fendetestas estivo presente na undécima edición das Xornadas que reuniron en Compostela aos  coordinadores  dos 231 Clubs  espallados pola xeografía galega.
      O día  comezou coa entrega  do premio de Clubs de Lectura 2018 a Carlos Negro, como recoñecemento por ter sido o autor galego más lido polas lectoras e lectores  no pasado curso escolar. O autor de Makinaria, Penúltimas tendencias e Masculino singular reivindicou a importancia da poesía nos clubs de lectura  facendo fincapé na presenza desta nos elementos máis cotiás.  Tamén destacou o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas  na dinamización dos centros de ensino e da sociedade en xeral, e como estas deixaron de ser meros almacéns de libros para converterse en viveiros de creatividade. 


     
      A seguinte actividade foi unha mesa temática relacionada coas estratexias para a selección de textos. Resultou moi interesante e enriquecedor coñecer  a experiencia doutros grupos de dinamización  en canto  a lecturas, propostas de organización, itinerarios temáticos...Posteriormente  Freddy Gonçalves compartiu cos asistentes a súa experiencia como promotor da lectura ofrecendo  ideas e suxestións de actividades para desenvolver nos clubs.
     Na sesión da tarde a oferta de actividades diversificouse en diferentes obradoiros e propostas temáticas diversas. No Club de lectura Fendetestas optamos por asistir ao taller Proxecto Eva conducido por Freddy Gonçalves, onde tivemos que construír unha sociedade ideal despois dunha catástrofe mundial. As referencias a coñecidas distopías literarias como O conto da criada ou Os xogos da fame foron as bases desta interesante proposta.


     Rematamos a tarde co achegamento de Dores Vilavedra sobre a necesidade de realizar unha selección meditada das suxestións lectoras e unha proposta de textos pouco convencionais. A clausura correu a cargo do polifacético Xurxo Souto que, coa posta en escena baseada na súa obra  Contos no mar de Irlanda, constatou unha vez máis a idea de que a literatura non só está nos libros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario