7 jun 2018

LA GUERRE DES BOUTONS




Os Fendetestas de Francés leron neste último trimestre o libro de Louis Pergaud La guerre des boutons e queren compartir algúns coñecementos que lles proporcionou esta lectura.


No tocante ó autor Louis Pergaud, naceu en Belmont, no leste de Francia, o 22 de xaneiro de 1882. O seu pai era profesor. Pergaud morreu o 8 de abril de 1915, en plena Primeira Guerra Mundial (a guerra do 14-18). Dispáranlle na fronte durante un ataque contra os alemáns. O seu corpo nunca foi encontrado.


Foi mestre e novelista. As súas dúas novelas máis coñecidas son Goupil à Margot, que recibiu o Premio Goncourt e La Guerre des Boutons, publicadas en 1910 e 1912 respectivamente.
Para escribir o seu libro, Louis Pergaud inspirouse nos recordos da súa contorna e nas batallas dos seus estudantes. Polo tanto, as dúas aldeas que se enfrontan entre si existiron realmente, pero no seu relato deulles outros nomes. E a confrontación entre os dous pobos tamén é auténtica! Unha das dúas localidades é Landresse. Está situada no departamento de Doubs en Franche-Comté.

No libro, cóntase a historia de dúas bandas de nenos de dúas aldeas próximas, Longeverne e Velrans, que protagonizan unhas batallas desapiadadas. Loitan con pedras, varas pero tamén con puños e pés. Lebrac é o líder da banda Longeverne e L’Aztec o da banda Velrans. Cando un neno é tomado prisioneiro pola banda oposta, os seus inimigos arríncanlle os botóns da súa roupa e lévanlle os cordóns dos seus zapatos. Unha das batallas memorables do libro é a das dúas cuadrillas que pelexan espidas para non estragar as súas vestimentass e especialmente para non ser castigados polos seus pais.


O libro obtivo éxito cando foi publicado e aínda o ten hoxe grazas ás películas de Yves Robert (1962), Yann Samuel (2011) e Christope Barratier (2011). Se queredes saber máis sobre o libro , invitámosvos a que o leades e vexades a película. Achegámosvos o tráiler da película en francés.


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario