Fátima Ramos, de 3º ESO B, achéganos unha recensión da novela máis famosa de María Victoria Moreno (autora homenaxeada no Día das Letras 2018).
Anágnorise é a
historia dunha viaxe. Unha viaxe en coche desde as Rías Baixas ata Madrid vai
provocar unha serie de cambios na forma de vivir e de pensar de Nicolau Arís,
todos eles grazas á muller que o recolleu cando este estaba facendo autostop.
Ela mostraralle unha nova maneira de ver as mulleres, a súa vida e os textos
que el mesmo escribe. Cando chegan ao seu destino, os camiños de ambos
sepáranse e o rapaz queda cuns amigos nunha vivenda de reducidas dimensións
onde entrega a carga que levaba consigo: hachís. Pero rapidamente satúrase do
ambiente e da convivencia cuns ionquis e vai ó hotel onde se hospedaba a muller
que o levou no coche. Alí cóntanlle que ela morrera nun accidente de coche en
Granada, motivo polo cal volve a Galiza para ir ao enterro. Alí sofre unha
anagnórise: descobre que Natalia (a rapaza da que estaba namorada e coa que
estaba enfadado por culpa dun dos seus "amigos", Marcos Piñeiro, quen
lle dixera que ela lle fora infiel con
el) era a filla da muller que o acompañou na súa viaxe. Os dous mozos fan as
paces ante a tumba da nai dela. Nun emotivo momento Nicolau di: "Natalia e máis eu, por primeira vez na nosa
vida, estabamos no mesmo mundo. Chorabamos pola mesma razón, recordabamos un
mesmo pasado e sentiamos onda nós a presenza da mesma persoa. Natalia e mais
eu, por primeira vez na nosa vida, estabamos no mesmo mundo e os nosos corpos
aboiaban no orballo que cheiraba a silveiras florecidas".
Anágnorise non é unha novela que se poida pasar por alto. A beleza da escolla léxica, as preciosas frases que María Victoria Moreno escribe poden emocionar a calquera. Cada parágrafo é como unha pequena obra de arte: busca a perfección léxica e narrativa. O argumento da novela é orixinal e sen estereotipos. A historia é emotiva e profunda. Trata moitísimos temas: o amor, a morte, o loito, o sufrimento, a traizón, o machismo, a homofobia, a droga, etc. As referencias que fai a autora ó longo da novela parecéronme fermosas e están moi ben escollidas. Destaco especialmente a do mito dos andróxenos e a canción de Bowie que acompaña a Nicolau e Xulia na viaxe. Esta é unha das cancións que máis me gustan deste cantante (sobre todo pola versión que fixo Nirvana no seu disco MTV Unplugged). Sen dúbida, este é un libro que recomendaría a calquera que pense que unha boa novela non é só unha boa historia, senón aquela que busca ser o máis poética posible.
Para rematar esta recensión, deixo aquí a parte da novela que máis me gustou:
"-E eu falaba de que hai horas do día nas que todo se transfigura porque as cordas do sentimento se tensan de maneira especial. Son estes momentos de tránsito...
-¿E por que pasa iso?
-Supoño que será porque somos parte do universo e vivimos encadeados ao seu
acontecer."
Fátima Ramos
No hay comentarios:
Publicar un comentario