O libro Os
nenos da varíola, da escritora galega María Solar, recrea a través da
ficción a expedición médica que
trasladou a vinte e dous nenos ata
América co obxectivo de levar
a vacina da mencionada enfermidade.
A historia relatada xira en torno a dous nenos
orfos (expósitos) Ezequiel e Clemente. Precisamente no hospicio da Coruña é onde se sitúa boa parte da trama ambientada
a comezos do Século XIX, concretamente no ano 1803. A autora humaniza a
historia e consegue que o lector se identifique non só cos nenos, senón tamén
co ambiente de precariedade e
necesidade. Ao longo da narración van xurdindo historias paralelas que lle
outorgan un sentido engadido. Cando xorde a necesidade de atopar nenos que poidan trasladar a vacina da
varíola nos seus corpos acoden aos pequenos expósitos e iso leva consigo a potencial separación dos rapaces.
Ezequiel encarna unha serie de valores positivos como son a solidariedade, a
capacidade de esforzo, a ansia de superación... É interesante ver como o
ambiente determina as accións dos pequenos e como son tremendamente vulnerables
e influenciables. Pero, sen dúbida, o personaxe máis determinante é o de IsabelZendal. Esta muller, natural de Ordes e
procedente dunha humilde familia, foi a primeira enfermeira galega coñecida.
Pasou á historia pola súa intensa e relevante
colaboración na misión de levar a vacina a América. Por este
feito o seu nome pasou a formar parte da
memoria colectiva hispanoamericana.
Ademais foi recoñecida pola OMS no ano 1950 como a primeira enfermeira
da historia en misión internacional.
Isabel Zendal constitúe un dos piares básicos
da narración. É un personaxe moi ben construído, que evoluciona ao longo da
historia. Ademais chama a atención que desafía as regras convencionais da época,
xa que tiña un fillo de solteira e desempeñaba o cargo de reitora nun centro
relixioso aínda que ela non o era. Pódese dicir que foi unha verdadeira
pioneira xa que era moi inusual que unha muller exercese un cargo de responsabilidade.
Outros personaxes relevantes son o alacantino
doutor Balmis (organizador da expedición), o betanceiro doutor Posse (colaborador) e, por suposto, os nenos que aparecen acreditados nesta historia
cos seus nomes e apelidos e que, ao igual
que os restantes membros da expedición,
foron reais.
A
lectura deste libro resultou todo un éxito. Nas sesións dedicadas ao comentario
recoñecemos e valoramos o traballo de documentación e investigación levado a
cabo pola autora. A ambientación está tan coidada que parece trasladarnos á
época en que se sitúa a historia. A recoñecida escritora engade con este libro
un valor importante á súa significación no panorama literario e cultural galego.
Unha
marabillosa e conmovedora ficción baseada nun feito real de relevancia
histórica. Moi recomendable!
Raúl Gónzález, Lucía Vigo e Cristian Morandeira
No hay comentarios:
Publicar un comentario