Ti e mais eu conta dúas historias: a de Lorenzo e a de Olivia, dous irmáns que son case uns completos descoñecidos. Lorenzo ten 14 anos e moitos problemas de socialización. Os seus conflitos persoais van ata o extremo de dicirlles aos seus pais que vai viaxar á neve durante varios días cuns compañeiros, mentres realmente queda agochado nun rocho. Alí recibe a inesperada visita de Olivia, unha moza de 23 anos, filla da primeira relación do pai de ambos, que ten unha historia escura relacionada co consumo de drogas e que recorre á familia só cando necesita cartos.
A relación entre os dous irmáns vai evolucionar dende a indiferenza, a complexidade de compartir o mínimo espazo e a sensación de molestia que ambos senten pola presenza do outro ata a reconciliación. De aí parte a realización dunha dobre promesa de encontro nun futuro e de abandono das drogas por parte de Olivia.
Un libro que conta sen dúbida unha
historia moi dura e cun final, que nos transporta dez anos despois do encontro
no rocho, e que nos resultou moi triste
e incluso desacougante. A esperanza de que a promesa se cumprise transfórmase
nunha decepción para o lector ou lectora. A pesar da tristeza que domina a
narración cómpre dicir que, en xeral,
gustounos e pareceunos unha historia moi interesante. O personaxe de
Lorenzo pretende reflectir o estado de incomprensión e a necesidade de
aceptación social que moitos adolescentes experimentan. Comentamos
especialmente a escena do accidente de tráfico sufrido pola nai e como o rapaz,
que non é quen de xestionar as súas emocións, perde o control e sofre un
desmaio. O libro fainos reflexionar sobre o difícil momento da adolescencia
(especialmente para aqueles que se senten diferentes) e tamén sobre os perigos
e as fatais consecuencias da drogadicción.
Alba Carro, Martina Carro, Candela Saavedra, Nerea Varela e Lucía Corral
No hay comentarios:
Publicar un comentario