Hoxe, 15 de outubro, celebramos o Día das mulleres escritoras. Coma sempre, haberá espazos de tempo na biblioteca e nas nosas aulas para lembrar a importancia das mulleres como divulgadoras do saber e coma creadoras de universos literarios. Para empezarmos, aquí deixamos un texto para traballar nas aulas co alumnado de ESO, buscando a reflexión sobre o camiño andado e sobre o que aínda queda por facer...
A FENDA DE XÉNERO NA LITERATURA
(A problemática da muller escritora de onte a hoxe)
“Para a maior parte da Historia, Anónimo era unha muller”. Esta cita da escritora feminista Virginia Woolf (Reino Unido, 1882-1941) critica a invisibilización que tivo ao longo da historia a muller na literatura. Relegadas a un segundo plano na vida política, laboral e social, as mulleres tiveron que loitar século tras século co lugar que lles asignaban no mundo: o fogar e a familia.
Anónimos, como ela destaca, foron os autores de grandes obras como o Lazarillo de Tormes ou o Cantar de Mío Cid ou a mítica As mil e unha noites. Quizais a man de alguna muller do pasado tivese algo que ver na súa escritura… Varias investigacións publicadas recentemente sobre as cantigas medievais galegoportuguesas apuntan a que as composicións de amigo foron escritas por mulleres e non polos trobadores e xograres que as asinaron e que pasaron á historia como os seus autores. Difícilmente chegaremos a sabelo: coñecer a autoría destes títulos é imposible a día de hoxe, pero cada vez hai máis datos acerca da pegada real que deixou a muller na literatura.
Ínfimo recoñecemento
A pouca presenza da muller nos ámbitos literarios pode comprobarse facilmente a través dos galardóns. O premio literario internacional máis coñecido é sen dúbida o Nobel de Literatura. Desde a súa creación en 1901 ata 2017 premiouse a 17 mulleres fronte a 100 homes.
O Día das Letras Galegas dedicóuselle por primeira vez a unha muller no ano 1963: Rosalía de Castro. Nos anos posteriores só foron cinco as mulleres, fronte a máis de cincuenta homes, que recibiron esta homenaxe colectiva á importante contribución que estas persoas prestaron á cultura galega.
Por outra banda, o recoñecemento máis importante en lingua castelá, o Premio Cervantes, tan só galardoou a 6 mulleres, fronte a 41 homes, desde que se instaurou en 1976: María Zambrano (1988), Dulce María Loynaz (1992), Ana María Matute (2010), Elena Poniatowska (2013), Ida Vitale (2018) e Cristina Peri Rossi (2021).
E entre os gañadores doutro premio literario con gran importancia en España, o Premio Planeta, creado en 1952, só son mulleres un 25% dos galardonados. Na última década destacaron: Dolores Redondo en 2016, Eva Sáenz de Urturi en 2020 e Luz Gabás en 2022.
Porén, cómpre destacar que, igual que noutras parcelas da sociedade, os últimos anos marcan un cambio de mentalidade e de funcionamento da realidade literaria: cada vez hai máis mulleres escritoras e, en consecuencia, son cada vez máis as que reciben galardóns. De feito, o Premio Nacional de Narrativa do ano 2022 recaeu sobre a novelista galega Marilar Alexandre e a poeta tamén galega Yolanda Castaño vén de gañar o Premio Nacional de Poesía.
Mulleres baixo pseudónimo
“As mulleres viviron todos estes séculos como esposas, co poder máxico de reflectir a figura do home no dobre do seu tamaño natural”, aseveraba tamén Virginia Woolf en Una habitación con vistas.
En relación con este tema cómpre lembrar, unha vez máis, á poeta galega máis univesal: Rosalía de Castro. Ela dedicoulle o seu libro Cantares gallegos á escritora Cecilia Böll de Faber, a cal para publicar as súas obras usara un pseudónimo masculino: Fernán Caballero. Rosalía é consciente da situación das mulleres e da problemática que teñen aquelas que se dedican á escrita e así o reflicte na súa obra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario