O pasado 21 de marzo o alumnado de 4º ESO e 1º BACH puido asistir á representación teatral da obra A Nai a cargo da compañía Amorodio.
O guión da obra teatral está baseado na historia das tres irmás Touza. Estas tres mulleres (Lola, Julia e Amparo) de Rivadavia salvaron a uns cincocentos xudeos do Holocausto nazi axudándoos a cruzar a fronteira a Portugal. As vidas destas valentes mulleres deron pé para reflexionar sobre a crueldade das guerras e a importancia da solidariedade. A súa fazaña foi novelada no libro Memoria do silencio de Eva Mejuto.
Velaquí unha recensión realizada por Daniela Meijide (4º ESO) sobre o libro de Eva Mejuto.
A obra titulada Memoria do Silencio foi escrita pola autora Eva Mejuto e publicada pola editorial Xerais na colección Fóra de xogo no ano 2019.
Eva Mejuto é unha escritora que naceu en Sanxenxo no ano 1975 e que estudou Xornalismo na USC. Traballou no sector editorial infantil e actualmente forma parte do proxecto Capicúa de xestión cultural. É docente no master Libro Ilustrado e Animación da Universidade de Vigo e autora de diversas adaptacións de álbums ilustrados e traducidas a máis de dez idiomas.
Esta obra é unha novela dirixida ao público xuvenil. Conta cun narrador en terceira persoa omnisciente que todo o sabe acerca dos personaxes. Os principais son Günter, as irmás Lola, Amparo e Xulia, e Frieda; cada un deles son os protagonistas das súas propias historias, que están narradas por separado pero que rematan cun final que as conecta. O relato está situado na ditadura franquista e a Alemaña nazi á altura dos anos 1940/1950. Trata, como xa dixen, de tres historias que aínda que teñan lugar en distintos sitios do mundo acaban por atoparse no mesmo, en Galicia. Unha delas é a de Günter, un neno alemán ao que dende pequeno o seu pai lle inculcou que el estaba destinado a facer cousas moi grandes polo seu país e terminou por alistarse no exército. Outra é a das tres irmás: Lola, Amparo e Xulia, que levaban un pequeno negocio ao lado da estación en Rivadabia e axudaban aos xudeus a cruzar a fronteira. E, a última pero non menos importante, a de Frieda, unha muller á que lle morreron todos os seus familiares próximos por distintos motivos e que emprendeu unha longa viaxe dende Holanda ata América como destino. O tema deste libro é o sufrimento que non se ve no campo de batalla, o que se atopa nas casas e a solidariedade da xente que axuda aos demais sen esperar nada a cambio.
Memorias do Silencio é unha obra coa que a autora logrou dar visión ao enorme traballo que facía a xente dos pobos polos demais. Reflíctese perfectamente coa historia das tres irmás, pois elas (xunto tres homes máis) foron quen axudaron, neste caso, aos xudeus a escapar dunha morte segura. Ademais de enaltecer a valentía das irmás tamén aparece no relato a traizón, concretamente a través da historia de Günter e a forza de vontade para ser capaz de saír adiante sen importar os obstáculos que se presenten coma foi o caso de Frieda.
Penso que é un libro que pode gustar a calquera tipo de público, tanto ao xuvenil coma ao adulto. O libro fainos pensar sobre moitos aspectos da vida e reflexionar sobre o milleiro de cousas polas que debemos de estar agradecidos. Recomendo moito esta lectura, xa non só porque me gustara, senón porque realmente merece a pena descubrir o que verdadeiramente hai detrás de moitos acontecementos bélicos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario