7 may 2018
4 may 2018
EXCURSIÓN DO CLUB DE LECTURA
O pasado martes, 17 de abril, un grupo de alumnos de 1º, 2º, 3º e 4º de ESO do club de lectura do IES de Curtis, visitamos en
Santiago de Compostela o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA).
EXCURSIÓN MUPEGA on PhotoPeach
Durante a actividade
puidemos observar, coa axuda dos guías
que nos foron comentando distintos aspectos, as diferenzas máis significativas nas aulas sobre a distribución das mesas, os
libros, os elementos relixiosos, as bandeiras…
Iniciamos o percorrido coa explicación das aulas por orde
cronolóxica; a primeira que puidemos contemplar foi a escola de ferrado, na que un escolante reunía
aos escasos rapaces da vila para impartirlles clase na súa casa. O alumno
pagaba este servizo mediante un ferrado de cereal, medido nun caixón de
madeira.
A continuación visitamos a aula da restauración borbónica (finais do
século XIX e principios do XX), que tiña
moi presente a separación por sexos, o aspecto relixioso e unha relación
vertical entre mestre e alumnado que se representaba mediante a presenza da tarima. A figura do rei, Alfonso
XII, tamén foi moi relevante nas aulas e escolas .
A aula da república
(1931-1936), presentaba como característica básica a procura da igualdade en todos os aspectos sociais; na
educación, pódense concretar os seguintes: o mestre aparecía mantendo unha relación máis horizontal co alumno
(desaparición da tarima) e ademais o ensino
era mixto. No percorrido fixámonos tamén nos cambios das bandeiras, por exemplo, na república presidía a aula a
tricolor (vermella, amarela e violeta). Nesta época quixéronse emprender
ambiciosos proxectos e programacións igualitarias, pero víronse limitados pola
escasa e pésima economía.
Chegamos á aula do
franquismo (1939-1975). Supuxo o regreso ao modelo de separación de sexos e á
recuperación da superioridade do mestre sobre os escolares. A bandeira era,
polo tanto, a do franquismo, coas cores actuais e a característica aguia , o
xugo e as frechas.
Deixamos o andar dedicado exclusivamente ás aulas e
dirixímonos a unha interesante exposición sobre xoguetes antigos organizados por épocas e materiais. Cada un deles estaba acompañado
dun pequeno panel con información. Tamén puidemos ver unha caixa de
primeiros auxilios e diversos materiais médicos.
A continuación accedemos ás aulas de indianos. Estas
posuían mellores instalacións e materiais educativos (láminas, proxectores… ) que supoñían unha
verdadeira innovación para a época. Estaban sufragadas polos emigrantes galegos.
Para finalizar, puidemos sentar nas cadeiras
dunha reprodución dunha aula antiga e experimentar unha sensación semellante ao
que sentirían os os nosos pais ou avós cando
escribían nas “pizarras”. Rematamos a visita contemplando
un fermoso cadro de Julia Minguillón titulado A escola de Doloriñas. Foi, sen dúbida, unha interesante experiencia
na que aprendemos moito dunha maneira
moi entretida e dinámica.
Lois Couso, María
Couceiro e Nadia Fernández
30 abr 2018
FALANDO SOBRE A CAIXIÑA DOS RANCORES
Neste mes que agora remata, os fendetestas de 3º de ESO vimos de ler A caixiña dos rancores, de Héctor Cajaraville. Trátase dunha novela na que o protagonista, un rapaz que vén de rematar Bacharelato, atropela coa súa moto unha anciá -Chiruca-. A xuíza Felpeto imponlle ao rapaz, como condea, acompañar á víctima do atropelo durante o mes de xullo un par de horas polas tardes. Estevo, que así se chama o mozo, cumpre a obriga imposta e vai coñecer, por boca de Chiruca, unha curiosa historia do seu pasado: a muller, que vive soa, quedou viúva ben nova e deu a luz pouco despois un rapaz que naceu morto, pero que ela non chegou a ver. Este feito vai desencadear unha investigación por parte de Estevo e de Paula -a súa moza-, que destapará un feito formidable: Chiruca non tivo un fillo, senón unha filla e está viva, aínda que a anciá non imaxine tal cousa...
A novela resultounos de lectura fácil: pensamos que mesmo lle sobran páxinas, pois algunha parte do relato podería desaparecer e non pasaría nada relevante para o desenvolvemento da acción (por exemplo, o relacionado co traballo da nai do protagonista). Os aspectos que máis destacariamos nesta historia son os seguintes:
- A presenza de personaxes novos, que conectan con nós.
- A orixinalidade de presentar unha relación de amizade entre un mozo e unha muller que podería ser a súa avoa.
- A temática do rapto de rapaces ao nacer durante a época franquista, cunha total indefensión das pobres nais, moitas veces solteiras ou viúvas (coma Chiruca) e con pouca formación para protestar ou investigar.
- A participación no relato dunha xuíza que dicta sentenzas exemplares. Este elemento temático serviunos para falar da xustiza na sociedade actual e levounos a coñecer ao xuíz Calatayud, coñecido polo enfoque "práctico", "humano" e "socializador" das súas sentenzas. Aquí vos deixamos un vídeo no que se presenta o seu traballo e o seu perfil humano.
Agora só nos queda agardar o encontro co autor da novela, ao que esperamos recibir no noso IES antes do remate deste curso.
ENCONTRO CON VÍCTOR FREIXANES
O alumnado de 1º de bacharelato mantivo o pasado 9 de abril un encontro literario co escritor e actual presidente da Real Academia Galega Victor Freixanes. A actividade, organizada polo Departamento de Lingua Galega e Literatura, estaba centrada na súa obra Cabalo de ouros. A crónica desta interesantísima charla está publicada no blog de Curtisbiblio.
No club Fendetestas queremos compartir a nosa ledicia e entusiasmo por ter a oportunidade de gozar da enriquecedora personalidade de Víctor Freixanes. Asemade, dende o noso espazo na rede, queremos darlle difusión á magnífica video-recesión elaborada por Laura Míguez.
22 abr 2018
SEMANA DO LIBRO EUROPEO NO IES DE CURTIS
Ao longo desta semana, desde o 23 de abril ata o día 30, podedes entrar no noso blog de biblioteca para coñecer as videorecensións feitas polo noso alumnado sobre diferentes autores e títulos da literatura europea.
Con esta actividade queremos contribuír non só á celebración do Día do Libro, senón tamén á difusión do acervo literario do continente, obxectivo importante para Curtisbiblio neste ano 2018, Ano Europeo do Patrimonio Cultural.
Etiquetas:
Día do libro,
Patrimonio Cultural europeo
O CURIOSO INCIDENTE DO CAN Á MEDIA NOITE
Esta novela do escritor británico Mark Haddon é unha das obras máis coñecidas
da literatura contemporánea. Conta a historia dun rapaz de quince anos chamado
Christopher que vive co seu pai na cidade de Swindon e que ten síndrome de
Asperger, un trastorno do espectro autista. A trama iníciase cando atopa morto
o can dunha veciña e quere investigar as causas do falecemento. Decide, por
consello da súa profesora de Educación Especial, anotar todos os descubrimentos
nun caderno. Dese xeito, o lector vai
coñecendo datos da súa vida relativos á realidade cotiá e tamén sobre a relación que o dono do can mantiña coa súa
nai e o “falecemento” desta. A actitude do pai determina a sucesión dos
acontecementos ata chegar a un sorprendente desenlace que non imos desvelar.
O curioso incidente do can á medianoite é un libro que nos ofrece
momentos de humor mesturados coa intriga detectivesca, pero, sobre todo, o que destaca
é a grande sensibilidade e a visión da perspectiva da realidade que ofrece o protagonista.
Nas sesións que lle dedicamos a esta
obra falamos das relacións entre os pais e os fillos e das consecuencias que
pode implicar a nivel emocional a ruptura
da unidade familiar. Tamén tratamos o tema do Asperger e do que aprendemos coa
lectura da obra sobre esta síndrome. Xurdiron comentarios sobre personaxes de ficción como Sherlock Holmes ou
Sheldon Cooper (Big Bang Theory) que presentan características que encaixan
perfectamente nese perfil. Soen ser persoas extremadamente intelixentes que perciben
a realidade dun xeito peculiar. Adoitan presentar dificultades para comprender
o comportamento humano e, moitas veces, teñen dificultades para relacionarse.
Os comentarios sobre o libro foron moi
diversos: para algúns, o comportamento do rapaz resultaba ás veces un pouco exasperante; a outros, o feito de que o protagonista fose un mozo con Asperger resultoulles
moi interesante e valoraron moi positivamente
a posibilidade que a narración ofrece de coñecer un pouco mellor como funciona
a mente destas persoas. A mestura de elementos presentes na obra: amor,
rexeitamento, misterio, diversión... constrúe unha narración moi estimulante e pouco convencional. Como
curiosidade, destacouse o feito de que non hai capítulos pares, todos son
impares, feito este determinado por unha das moitas obsesións do protagonista.
Rematamos recomendando a lectura dunha
obra singular, orixinal, entretida, emotiva e enriquecedora.
Lucía
Vigo, Jinlei Dong e Cristian Morandeira
20 abr 2018
O AGASALLO DE ANYA
Vimos de ler, algúns dos fendetestas de 1º de ESO, a noveliña O agasallo de Anya, de Sabela Núñez Singala. Pareceunos un relato tan sinxelo coma interesante: canto se pode dicir nun libriño tan pequeno! O certo é que nos serviu para recordarnos da sorte que temos por vivir nun país onde hai escolas e hospitais e nunha familia que nos permite poder escoitar e abrazar cada día aos nosos pais e irmáns.
Velaquí algunhas das nosas reflexións, expostas na tertulia posterior á lectura da novela:
- Unha das cousas que máis me gustou do libro foi que onde vive Anya os nenos maiores ensinaban o que sabían aos pequenos. Nós, como temos profes....
Tamén me fixo pensar que a Shasha non lle fixeran caso ó comenzo os rapaces españois: terían que acollelo doutro xeito. (Ari)
- Que mal o pasan os nenos que viven en países coma o de Anya ou en Siria, én Israel ou en moitos países de Africa... (Manuel)
- Dentro das condicións en que viven eses nenos ucraínos, teñen a oportunidade de aprender cousas e de vivir con outros rapaces que lles van axudar a ser mellores... Descubren valores moi importantes na vida. (Zoraida)
2 abr 2018
L’HOMME AU MASQUE DE FER
Os
fendetestas de 4ºESO de francés, embarcámonos na lectura do libro
de Alejandro Dumas, L’homme au masque de fer, que narra a
historia dun persoeiro francés que está encerrado na prisión da
Bastilla, por motivos que se descoñecen, pero si hai algo moi
curioso: o prisioneiro garda certa relación co antigo rei francés
Luis XIV, ao parecer é o irmán xemelgo do anterior, pero axudado
por Aramis, e liberado co fin de reclamarlle a coroa, a seu irmán,
máis tarde é descuberto, o que levará represalias.
OS
FENDETESTAS DE 4ºESO
23 mar 2018
FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO
Un ano máis o alumnado de clásicas
do IES de Curtis asistiu a súa cita habitual co Festival de Teatro Grecolatino,
organizado pola SEEC. As obras que escollemos este ano foron a traxedia grega Edipo rei, de Sófocles, e a comedia
romana Cásina, de Plauto. A
continuación, podedes ver os vídeos que sobre estas dúas obras fixo o alumnado do Club de Lectura de Cultura
Clásica de 3º ESO-B.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)

