30 jun 2018

IMPRESIÓNS SOBRE O CLUB DE LECTURA

 
Pechamos recollendo algunhas das impresións do alumnado que formou parte do Club de Lectura este curso.

Pertencer ao Club fixo que tivese ganas de ler máis libros. O que máis me gustou foi Palabras envelenadas. As reunións foron moi divertidas; agradoume moito que os meus compañeiros escoitasen as miñas opinións.
Idaira Fontela (2º ESO)

Gustáronme moito os libros que lemos no Club este curso. Tamén me interesou moito a excursión que fixemos ao Mupega.
Ángela Doval (2º ESO)
 O Club de Lectura este ano estivo moi ben, lemos contos de mitoloxía e fixemos tarefas moi interesantes. 
                                                                                                                        Vera  Sánchez (3º ESO)
 No Club lemos bastantes libros interesantes que nos permitiron aprender moitas cousas sobre a Cultura Clásica. 
                                                                                                                        Laura López (3º ESO)

O Club de Lectura achegoume novos puntos de vista sobre algúns aspectos da vida, xa que lemos libros relacionados con importantes problemas sociais.
Lois Couso (3º ESO)

Este ano o Club de Lectura do IES Curtis foi distinto, posto que o meu grupo se centrou na literatura clásica. Eu non tería problema ningún en repetir a temática o ano que vén. Tamén as obras seleccionadas foron, en maior ou menor medida, do meu agrado.

Mateo Senín (3º ESO)

Este ano o Club de Lectura axudoume a evadirme, en certo modo, de exames e traballos, algo moi necesario neste custoso 3º de ESO. Ademais os libros que lemos eran, en xeral, de contidos relacionados coa adolescencia, e poden ser moi útiles porque nos amosan perigos que podemos correr nela.
María Couceiro (3º ESO)
  O Club de Lectura permítenos coñecer novos títulos e autores que, seguramente, non coñeceriamos pola nosa conta. Ademais, organiza moitas actividades interesantes como excursións, proxeccións de películas...
 Fátima Ríos (3º ESO)
 

Ler é unha parte fundamental na miña vida. Reláxame. Gozo. Amo. Vivo. Apuntarme ao Club de Lectura cada ano, para min é necesario. Unha frase que define a miña vida en canto a ler é: “ler dana gravemente a ignorancia”. Indica totalmente o necesario que é ler neste mundo. O Club de Lectura, como cada ano, nunca me defrauda.

Lucía Vigo (4º ESO)

Este é o cuarto ano que estou no Club de Lectura e, por primeira vez, probamos a dividirnos, cada trimestre cunha profesora. A verdade é que me gustou moito, porque non só lemos libros de temáticas moi diferentes, senón tamén en distintas linguas, como francés. Creo que o curso próximo deberiamos repetir.
Ángela Prado (4º ESO)

Este é o meu terceiro ano no Club de Lectura. Foi o que máis me gustou debido a que puiden ler libros de temáticas diferentes a través dos que puiden descubrir historias do pasado que me encantaron
Raúl González (4º ESO)

Aprendín  moito este ano no Club de lectura. Ademais os libros que lemos gustáronme moito.  
                                                                                                                       Ainara Sánchez (4º ESO)

Pertencer ao Club de Lectura paréceme moi boa idea, porque lemos libros moi interesantes. O único que modificaría sería proxectar máis películas, polo menos, unha vez por trimestre, xa que me parece unha actividade moi enriquecedora para complementar as lecturas.
Uxía García (4º ESO)

 Bo verán e felices lecturas a todos e a todas !

28 jun 2018

HOMENAXE A CARLOS NEGRO


          Nas últimas semanas tivemos entre as mans dous dos poemarios de Carlos Negro, Makinaria  e Penúltimas tendencias. A través deles os fendetestas de 3º da ESO atoparon unha nova visión da poesía, próxima na linguaxe e nos contidos.
         Aquí vos deixamos dous vídeos e unha recensión sobre as obras, elaboradas por Elena Naveira, Nadia Fernández, Mateo Sánchez, Juan Conde, Marín Pérez e María Couceiro.




      Makinaria é, sen dúbida, un libro rechamante e pouco común entre a poesía. Incluíndo palabras malsoantes e tópicos moi comúns entre os adolescentes, achégase a nós , en concreto aos que estudan automoción, e fainos recapacitar sobre os perigos que podes correr se es impulsivo nesta difícil etapa da túa vida. 
        Do mesmo xeito que Makinaria, Penúltimas tendencias mergúllanos no mundo adolescente, pero en concreto no feminino. O autor móstranos  unha moza que quere saír dos tópicos e as formas estándar. Así, no libro exprésanse, con enxeñosas rimas pouco comúns, as opinións e sentimentos dela, ademais da reivindicación da súa liberdade e dereitos. A obra ofrécenos unha  visión  da vida desde o punto de vista da mozas: tes que ser como queiras ser ti, non como queiran os demais que ti sexas.

27 jun 2018

XABIER P. DOCAMPO


           Curtisbibio e o Club de Lectura Fendetestas queren lembrar a memoria do escritor Xabier P. Docampo falecido no día de onte. Tivemos a honra de contar en varias ocasións coa súa presenza no noso centro e de deleitarnos coas historias que nos contou. 



      Unha das súas obras máis coñecidas é, sen dúbida, Cando petan na porta pola noite. Este conxunto de relatos foi proposta de lectura no noso club en varias ocasións. Recuperamos a xeito de homenaxe a referencia ao fermoso epílogo  no que o autor fala daquelas cousas que o atemorizan e recollemos a idea enunciando os nosos propios medos elaborando unha listaxe. Velaí o estracto dunha entrada publicada no blog Fendetestas co motivo dunha visita do autor ao centro.

 Nós  temos medo a…
 Á morte
Ás enfermidades
A durmir e non espertar
A perder a memoria
A quedar só
Ás abellas,  ás avespas, aos ratos…
A que desaparezan os animais
Aos tolos
Ao manicomio
A que me tomen por tolo
A deixar de ser un neno
A perder a imaxinación
A suspender un exame ou unha materia
Á deforestación
A que me enterren vivo
Aos xihadistas
Á eternidade
Á nada
 ..............
 E vós, a que lle tedes medo?
  
Fendetestas de 1º ESO  (curso 2014-2015)

23 jun 2018

RECENSIÓN DE ANAGNÓRISE


      Fátima Ramos, de 3º ESO B, achéganos unha recensión da novela máis famosa de María Victoria Moreno (autora homenaxeada no Día das Letras 2018).


     Anágnorise é a historia dunha viaxe. Unha viaxe en coche desde as Rías Baixas ata Madrid vai provocar unha serie de cambios na forma de vivir e de pensar de Nicolau Arís, todos eles grazas á muller que o recolleu cando este estaba facendo autostop. Ela mostraralle unha nova maneira de ver as mulleres, a súa vida e os textos que el mesmo escribe. Cando chegan ao seu destino, os camiños de ambos sepáranse e o rapaz queda cuns amigos nunha vivenda de reducidas dimensións onde entrega a carga que levaba consigo: hachís. Pero rapidamente satúrase do ambiente e da convivencia cuns ionquis e vai ó hotel onde se hospedaba a muller que o levou no coche. Alí cóntanlle que ela morrera nun accidente de coche en Granada, motivo polo cal volve a Galiza para ir ao enterro. Alí sofre unha anagnórise: descobre que Natalia (a rapaza da que estaba namorada e coa que estaba enfadado por culpa dun dos seus "amigos", Marcos Piñeiro, quen lle dixera que ela  lle fora infiel con el) era a filla da muller que o acompañou na súa viaxe. Os dous mozos fan as paces ante a tumba da nai dela. Nun emotivo momento Nicolau di: "Natalia e máis eu, por primeira vez na nosa vida, estabamos no mesmo mundo. Chorabamos pola mesma razón, recordabamos un mesmo pasado e sentiamos onda nós a presenza da mesma persoa. Natalia e mais eu, por primeira vez na nosa vida, estabamos no mesmo mundo e os nosos corpos aboiaban no orballo que cheiraba a silveiras florecidas".



      Anágnorise non é unha novela que se poida pasar por alto. A beleza da escolla léxica, as preciosas frases que María Victoria Moreno escribe poden emocionar a calquera. Cada parágrafo é como unha pequena obra de arte: busca a perfección léxica e narrativa. O argumento da novela é orixinal e sen estereotipos. A historia é emotiva e profunda. Trata moitísimos temas: o amor, a morte, o loito, o sufrimento, a traizón, o machismo, a homofobia, a droga, etc. As referencias que fai a autora ó longo da novela parecéronme fermosas  e están moi ben escollidas. Destaco especialmente a do mito dos andróxenos e a canción de Bowie que acompaña a Nicolau e Xulia na viaxe. Esta  é unha das cancións que máis me gustan  deste cantante (sobre todo pola versión que fixo Nirvana no seu disco MTV Unplugged). Sen dúbida, este é un libro que recomendaría a calquera que pense que unha boa novela non é só unha boa historia, senón aquela que busca ser o máis poética posible.

       Para rematar esta recensión, deixo aquí a parte da novela que máis me gustou:
"-E eu falaba de que hai horas do día nas que todo se transfigura porque as cordas do sentimento se tensan de maneira especial. Son estes momentos de tránsito...
-¿E por que pasa iso?
-Supoño que será porque somos parte  do universo e vivimos encadeados ao seu acontecer."
                                    
                                                                                                                                       Fátima Ramos