17 dic 2018

VINGT MILLE LIEUES SOUS LES MERS


Os fendetestas de francés de 4º ESO leron ao longo deste trimestre a obra de Jules Verne: Vingt mille lieues sous les mers (Vinte mil leguas baixo dos mares). Queren compartir algúns coñecementos que lles achegou a lectura deste libro.

O autor:
Jules Verne (1828, Nantes - 1905, Amiens)
Foi considerado o pai da ciencia ficción moderna. Naceu en Nantes e estudou leis en París. Os seus inicios como escritor non son moi afortunados. En 1863, obtivo o seu primeiro éxito coa publicación de Cinco semanas en globo.
Apaixonado das viaxes e da ciencia, elementos fundamentais na súa obra, despertou profundamente o interese polos inventos no século XIX.
Vaticinou con asombrosa exactitude moitos dos logros científicos do século XX. Falou de foguetes espaciais, submarinos, helicópteros, aire acondicionado...
Vinte mil leguas baixo dos mares, novela de aventuras, é a sexta da serie das Viaxes Extraordinarias. Foi publicada por Hetzel, en París, en 1869. 



Resumo:
No ano 1866, reina unha forte angustia sobre os océanos. Un monstro mariño foi visto en diversos mares por varios buques. Organízase unha expedición a bordo da fragata americana Abraham Lincoln co capitán Faragutt, o canadense Ned Land, o famoso naturalista francés, Aronnax, do Museo de París e o seu fiel servente, Conseil. A finalidade desta expedición é capturar esta abominable ameaza.
Durante varios meses, as investigacións son escasas e o desalento apodérase da tripulación. Ata o 5 de novembro. Ese día, Ned Land percibe o monstro, un "narval xigantesco". Desprázase a tal velocidade que á fragata cústalle seguilo. Cando por fin consegue achegarse, o animal aborda violentamente a nave.
Atópanse case totalmente mergullados por unha onda monumental. Aronnax, Conseil o e o arpoador Ned Land son precipitados no mar polo choque. Chegan a refuxiarse sobre as costas do monstro. Comprenden que o monstro era, en realidade, un buque submarino: o Nautilus. Os tres náufragos son encarcerados e atópanse a bordo do Nautilus. Entón, coñecen esta tripulación misteriosa e o seu capitán, Nemo, un personaxe cunha actitude moi enigmática. Descobren moi rapidamente que o capitán Nemo, que concibiu os planos do Nautilus, despreza a compañía dos humanos. Négase a poñelos en liberdade. Os tres náufragos permanecerán preto de oito meses no Nautilus.
O capitán Nemo fai descubrir aos seus hóspedes os tesouros da biblioteca e do museo do Nautilus e decide emprender unha volta ao mundo polas profundidades oceánicas. En compañía deste capitán enigmático, os tres heroes descobren a illa de Ceylán, famosa polas súas madreperlas, tesouros engulidos, pelexan contra polbos xigantes, aventúranse nos bosques submarinos.
Aronnax, Conseil e Ned Land seguen experimentando unha desconfianza cara a este capitán misterioso. Un día, as súas sospeitas son confirmadas: o capitán Nemo afunde, a sangue frío, un buque de guerra de nacionalidade descoñecida e toda a súa tripulación. Acusa a este barco de matar a súa muller, os seus fillos e á súa patria.
A tristeza e o espanto reinan agora a bordo do Nautilus. Ned Land, Aronnax e Conseil chegan entón a escaparse. Embárcanse a bordo dunha chalupa, e achegaranse por milagre ás costa de Noruega. Alí esperarán un barco para volver a Francia. Xamais saberán o que foi do Nautilus.



Para rematar, imos amosar a opinión persoal de Nadia, de 4º eso A sobre a obra:

- « J’ai beaucoup aimé le livre. Cela m’ a semblé une aventure qui définissait parfaitement le fond de la mer. J’ai adoré les personnages. Étant donné que c’est une œuvre en français, même s’il s’agit d’une adaptation à notre niveau, j’ ai eu du mal à la comprendre et j’ ai dû la lire plus de deux fois, c’est donc un travail un peu fatigant. La partie que j’ai aimé le moins est, peut-être, la fin, parce que c’était la plus compliquée à comprendre. Cela m'a semblé une très bonne adaptation, qui n’a pris que les parties les plus importantes pour la compréhension du travail ».
- “ Gustoume moito. Pareceume unha obra de aventuras que definía moi ben o fondo do mar. Os personaxes encantáronme. Ó ser unha obra en francés, aínda que é unha adaptación para o noso nivel, custoume bastante entendela e tívena que ler máis de dúas veces, polo que se me fixo un pouco densa. A parte que menos me gustou foi, posiblemente, o final, xa que foi o que máis me custou entender. Pareceume unha adaptación moi boa, que colleu xusto as partes máis fundamentais para o entendemento do obra ”.

Os Fendetestas de francés de 4º ESO A.

No hay comentarios:

Publicar un comentario